lunes, 30 de julio de 2007

IRINEY ASEGURA NON PERTENCER AO CELTA


Mentres o Celta segue dando por feito que Iriney é futbolista do seu persoal de pleno dereito, o futbolista brasileiro aseguraba onte a La Voz desde o seu país que el non sabe nada do seu contrato e que non ten constancia de que vaia seguir no equipo vigués a pesar de que ese é o seu desexo.

O centrocampista emprende hoxe viaxe cara a España, pero non para vir a Vigo senón para seguir co seu proceso de rehabilitación da grave lesión que sufriu hai dous meses. Fora na partida fronte ao Levante, cando un mal movemento provocoulle unha rotura de menisco interior e de ligamento cruzado anterior.

Desde que o Celta exerceu a finais de xuño a ampliación do contrato do brasileiro de forma unilateral, Iriney gardara silencio. Foi o seu representante, Eduardo Ipiens, quen mostrara o seu enfado publicamente ao afirmar que o que fixera o Celta é ilegal segundo as leis deportivas.

«Hai semanas que non falo con ninguén do club e a verdade é que non se nada do meu contrato nin se xogarei no Celta a próxima tempada, iso lévao o meu representante», afirmou Iriney. Di que agora tampouco está preocupado por ese asunto e que o único que ten na cabeza é recuperarse canto antes: «Só penso na miña rehabilitación e en traballar duro porque ata dentro duns meses non poderei volver xogar e non quero ocupar a miña cabeza con outras cousas», declarou o xogador.

Desde o club insisten en que lle mellorarán o contrato e que a única razón pola que lle ampliaron o contrato de forma unilateral era porque se acababa o prazo e non podían esperar a chegar a un acordo con el para facelo. Iriney Santos non sabe o que ocorrerá, aínda que el quere manterse «optimista» sobre a posibilidade de seguir xogando no Celta. De todos os xeitos as súas palabras deixan ben claro que o brasileiro non ten a mente posta en club vigués: «Non me decatei de ningunha fichaxe nin recibín ningunha noticia sobre como vai a pretemporada do equipo», asegurou o futbolista, que tampouco puxo interese en preguntar por iso.

En canto á marcha da súa recuperación, o xogador cre que vai segundo o establecido: «De momento non se produciu ningunha complicación e o xeonllo nunca se infamó. Se que teño que esperar a decembro para poder volver xogar e confío en que non pase nada, porque neste tipo de lesións hai moita xente que ten que volver operarse se a cousa non marcha ben», manifestou.

Stoichkov era moi optimista a semana pasada ao dicir que esperaba que en outubro Iriney estivese xa traballando co resto do equipo. O futbolista está pendente tamén da súa nacionalización, que podería producirse en breve, e deixar así de ocupar praza de estranxeiro. (La Voz de Galicia)

No hay comentarios: